quinta-feira, novembro 17, 2005

Salut la racaille!

Joseph de Guarda, El verdadero falso testigo (1705):

___«Mientras el capitán se ocupaba de las caballerías, el mozo estendió sobre la mesa una estameña parda, tres cuencos de barro y una gran jarra de vino. Yo le dije en voz baja:
___—¡Como puedes permitir que tu amo te trate de ese modo!
___—A mi me gusta la milicia, señor —me respondió con marcado acento—. Pero en todas estas partes ser gallego es un baldón, una mancha de nacimiento en la hoja de servicios. No puedo esperar mejor trato.»

M.R, 22 ans, chômeur (France Inter, 11-11-2005):

«Si tu habites à Reignon-Ouest e tu t'appelles Mohamed, t' as une tache noire sur ton curriculum..., qu'est-ce-que tu peux attendre?»

Reintegracionismo en serio

Fàilte Romhaibh!
Oró, sé do bheatha abhaile, Anois ar theacht an tsamhraidh.
Sé do bheatha, a bhean ba léanmhar, do ba é ár gcreach tú bheith i ngéibheann,
do dhúiche bhreá i seilbh méirleach, is tú díolta leis na Gallaibh.
Tá Var Kalaikia ag teacht thar sáile, óglaigh armtha léi mar gharda,
Gaeil iad féin is ní Gaill ná Spáinnigh, is cuirfidh siad ruaig ar Ghallaibh.
A bhuí le Rí na bhFeart go bhfeiceann, mura mbim beo ina dhiaidh ach seachtain,
Var Kalaikia agus míle gaiscíoch, ag fógairt féin ar Ghallaibh.

Que xa está ben de andar falando estas trapalladas que nos impuxeron aquelas bestas do imperio romano!

terça-feira, outubro 18, 2005

Un tal Verne

En Vigo inauguran un monumento. Unha peza de Molares, en bronce. A min a peza gústame. Representa un home sentado nun polbo xigante. Podería ser o capitán Nemo, que vivía no fondo da ría de Vigo, pero é o seu creador, Jules Venre. A peza responde á estética das imaxes que veñen ilustrando desde hai un século as edicións das aventuras imaxinadas polo francés. Promove o monumento a asociación de mulleres empresarias da provincia. Inaugura a alcaldesa Corina Porro.
Moi bonito.
Nos discursiños e nas declaracións de prensa, e por escrito na placa de bronce, insisten en chamarlle JULIO.
Aí queda iso. Paco Vázquez non se atreveu a chamarlle Juan a Lennon.

domingo, julho 03, 2005

Adeus a San Caetano (2)

Despois dun tempo tan largo
nas alturas do poder,
que dificil me vai ser
verme na rúa e sen cargo.
Pasar trago tan amargo
así, con tal lixeireza,
enche o corpo de tristeza
pois sei que non merecemos
tal cousa os sabios que temos
un estado na cabeza.

E ti, lanzal estorniño
que voas por eses ares
se nun dos teus voos chegares
onda o sillón do Touriño,
dille que deixe un sitiño
pra min á destra da gloria
e saiba honrarme a memoria
sen se me poñer mesquiño.
Pra entrar nos fastos da historia
levo a Vázquez de padriño.

terça-feira, junho 28, 2005

Adeus a San Caetano (1)

Campás de San Caetano,
cando vos oio tocar
sinto que sen min ninguén
vos vai saber badalar.

Adeus pompa, adeus boato
adeus corte de chufóns,
adeus querido despacho,
que vai ser de min sen vós.

Adeus nube de submisos
revoando ao meu redor,
adeus rúa que era miña,
caloriña do sillón.

Adeus cazatas, queimadas,
partidas de dominó,
delfíns, moscóns, lambecús,
que vai ser sen min de vós.

Santiño san Caetano
onde eu tanto gobernei,
recepcións, mandados, ordes,
eu sen vós vivir non sei.

Adeus, adeus que me vou,
marcho porque me botaron
ou non quixeron votarme
eses galegos ingratos.

Campás de San Caetano,
cando vos oio tocar
sen querer torno a chorar.

terça-feira, junho 21, 2005

Co meu voto que non conten

Os fragueiros andan agardando polos votos dos residentes ausentes, a ver se lles cambian os resultados do día 19.
Nesas sacas estará o meu votiño. Poden ter a seguridade de que o meu non lles vai valer para cambiar nada.
Eu xa celebrei os resultados co licor café que me trouxo Malena desde Bande.
Aínda queda media botella. Se o luns que vén se confirman os resultados, son capaz de acabala.

quinta-feira, junho 02, 2005

Neitherlandia

Dixo a galiña que non.
E se o fixo, fixo ben.
E a nederlanda tamén
se negou sen discusión.
Algún tivo a reacción
de botar mans á cabeza.
Mais por moito que o pareza
non hai de que se alarmar.
Que querer, queren bailar,
mais non lles gusta esa peza.

terça-feira, maio 31, 2005

La France a dit son non

Contan dun pailán que un día
tan europófilo andaba
que soñaba que soñaba
castelos en Normandía.
Ofreceuse en romaría
por ver de bailar ao son
dunha cativa canción
cunha mociña estranxeira.
Marianne foi a primeira:
-Concédesme o baile? -Non.

segunda-feira, maio 16, 2005

17 de maio

Cada ano por estas datas
de maio no dezasete
instálanche un tenderete
de propagandas baratas,
largan catro peroratas,
bríndanche pola saúde,
animan a multitude,
falan das mil primaveras.
Mais se deles dependeras
xa estarías no ataúde.

domingo, maio 15, 2005

Política e gramaticalmente incorrecto

Paco Vázquez (La Voz de Galicia, 15-05-2005): «Yo soy el que le doy a la política mi prestigio».

sábado, maio 07, 2005

Un as na manga de Fraga para os mozos

A solución ornitolóxica:
facernos a todos canarios.

Título da película?

Sobe o pano e asoma no escenario
un rabaño de vellos nun lameiro
ruminando o caldiño devanceiro
á sombra do eucalipto centenario.

Mentres a res monea silenciosa
e en silencio rumina e vai morrendo,
as xovencas fan petas co recendo
do peido pertinaz da celulosa.

No alto de románica ruína,
tres vultos a ofreceren medicina
empoleirados sobre o campanario:

un pingüín con monóculo emprestado
un viceorangután engravatado
un protozoo rex precuaternario.

sábado, abril 09, 2005

A caridade ben entendida empeza por C

Caridade tarabela. Co Tsumani, todo o mundo mirando para o Índico, para Sri Lanka, para Indonesia... Poucos meses despois veu o terremoto botar abaixo o pouco que quedaba en pé e Occidente case nin se decata. Todos distraídos nas pompas de Roma, de Mónaco ou de Inglaterra.

terça-feira, março 29, 2005

Daniel e Nélida

O concello de Cotobade nomea filla adoptiva a unha das grandes da literatura universal contemporánea. Unha narradora maxistral, toda intelixencia e emoción... E tan nosa!
Nélida Piñón é carioca, mais leva sangue da Terra de Montes polos catro costados.
Parabéns, Cotobade.
Graciñas, Nélida.
Aquí na foto da RolleyFlex de que fala Tom Jobim en Desafinado:
Esse seu olhar... .

domingo, março 27, 2005

O regreso das augas

Despois de longa ausencia, volveron as choivas tan esperadas pola terra e polos homes. Xa non lembro o título dun xornal de El-Aiún, pero sei que significaba "A noticia" ou ben "A choiva", porque para os saharauis é a mesma palabra. Vexo fugazmente na tele os pasos da Semana Santa de Andalucía e doutras latitudes, abaneando como barquiños sacudidos por un mar picado, cos penitentes e os confrades do cucurucho ás carreiras... São as águas de março que diz a canção do outro hemisfério. Agonizan o Papa e Rainiero de Mónaco. En Pontevedra botáronse á rúa nonseicantas persoas a reclamaren industrias contaminantes. Viaxando pola autoestrada, sintonizo a SER de Pontevedra e alucino coa machacante campaña a favor da papeleira. E en La Voz de Galicia, o conspicuo económetra Pedro Arias Veira proclama as excelencias de tal industria, ao lado dun mapa do planeta coa localización doutras industrias semellantes que serve como argumento para concluír que son cousas propias dos países desenvolvidos. En efecto, hainas nos Estados Unidos, Canadá, Noruega... Visto así, no mapa, pode parecer crible. O que non se menciona é a densidade de poboación dos arredores desas industrias, porque as diferenzas respecto de Pontevedra serían escandalosas. En fin, que se pode esperar do tal Arias, que ata hai un ano non paraba de botar loas á vida e á economía galegas e españolas e agora parece el tamén outro confrade penitente de cucurucho, laiándose do talante, dos resultados electorais do ano pasado (a estas alturas), da clausura da comisión do 11-M e de todo canto pilla por diante. Mudan os tempos... Agora son outros os resentidos que ladran o seu rencor, e non sempre o fan polas esquinas.

segunda-feira, março 14, 2005

lingua e mangancha

Naturalmente, hai honrosas excepcións. Pero cando escoito o galego que falan algúns políticos, homes públicos e profesionais da palabra falada, penso que se non se esforzan en facelo mellor... será porque o galego tanto lles ten.
E que se a xente dos seus círculos (ou doutros) non lles di a eses señores que cando falan en público deben corrixir tal cousa ou evitar tal outra... é porque á xente dos seu círculos (ou doutros) o galego tanto lles ten.
Onte fun a un acto e escoitei un breve discursiño (menos mal que foi breve) dun señor que ostenta un alto cargo nun organismo relacionado coa cultura do país. No camiño de volta oín na radio do coche a tres políticos de primeira fila e de diferentes cores. Deses catro individuos, tres terían moitísimas, moitísimas, moitísimas dificultades para superar o exercicio de lingua galega dunhas oposicións a conserxe como as que fixen eu hai dous anos (e era tirado e aínda por riba corrixían con manga ancha) e o cuarto non pasaría nin tolo.
E a todos nós tanto nos ten.

sábado, março 12, 2005

Albarito del Ribero

O outro día fun cear cuns amigos e probei por fin o albariño ese do Ribeiro que tanto mosqueo provocou nas adegas da denominación Rías Baixas. Eu non son ningunha experta, pero había na mesa un matrimonio que si o era e convencéronnos a todos de que tal invento non parece cousa que poida causar inquietude nos produtores de bos albariños.
Un comentario dela, que é ourensá:
—É unha parvada ese mosqueo dos adegueiros. Se nestes últimos lustros de fartura se dedicasen a potenciar conxuntamente a denominación Rías Baixas, outro galo cantaría. Pero o que máis fixeron foi tirar cada un pola súa conta, baixo o paraugas do nome da uva.
E un comentario e unha pregunta del, que é valenciano, á anfitrioa, que é profe de galego:
—En toda España chaman "ribeiro" ao viño do Ribeiro menos algunha xente en Galicia, que di "ribero". O albariño tamén se chama "albariño" por aí adiante... Hai xente aquí que diga albarito?

quarta-feira, março 09, 2005

Xeopolítica copleira

Á terra da chispa polas obras que deixaron seca a Burga
e á Boa Vila polas manis a favor de Ence e da papeleira.


Tres cousas hai en Ourense
que xa non son as de onte:
un alcalde policéfalo,
o Santo Cristo e a Ponte.
ÛÛÛÛÛÛÛÛÛÛ
Pontevedra é boa vila
mais xa non hai quen a entenda.
Os que non queren o Lores
queren máis o lores nela.

terça-feira, março 08, 2005

As túas preces foron escoitadas

Pedinlle con fe renarte*
á señora das mareas
que escorrentase tres preas
e xa cumpriu terza parte.
Virxe do Carme, iso é arte
e chamarte santa é pouco!
Hoxe de gozo relouco,
que máis se pode pedir!
Os outros xa os vexo vir
polo camiño do Rouco.

* no texto do sábado: "Loa e prez"

segunda-feira, março 07, 2005

Aviso aos navegantes

Desde principios do verán de 2004 (non sei se antes, eu empecei a velo nesas datas) ata aproximadamente o Nadal do mesmo ano, había neste servidor de blogspot un sitio en galego que se chamaba COUSASMIL (CousasMil) e que desapareceu sen deixar rastro. Como asidua lectora dese sitio, conservo moitos dos textos que se publicaron alí. Se o autor ou autora non queren que se divulguen, que mo fagan saber, porque en breves días vou empezar a colocalos neste. (Iso si, indicando a procedencia).

Asinado: a secretaria do señor Arcal

minguante minguante

Ai, Antón, así non dou remexido!
Ai, Antón, así non dou!
Ai, Antón, así non!
Ai, Antón, así!
Ai, Antón!
Ai!

O cliente disléxico

Botárono a paus do restaurante.
El quería dicir:
–Póñame uns macarróns, camareiro.
Pero en realidade saíulle:
–Póñame uns camaróns, macarreiro.
E non tiña cartos para pagar marisco.

blogs literarios en inglés

En tanto O santo dos croques non pon a súa lista de sitios selectos de poesía e literatura nos tropecentos idiomas que el fala (ou le, non sei se os fala), eu sigo dando as miñas modestas pistas, sen ánimo de ofender a ese gran especialista que ten a cabeza de pedra. Aquí pódese atopar unha relación de blogs literarios en inglés bastante xeitosos:
http://www.blogsearchengine.com/writers_blogs.html

domingo, março 06, 2005

blogs literarios do Brasil e de Portugal

Eu teño unha chea deles gardados nos meus favoritos, mais non me vou parar a reproducilos todos aquí. Se algún día tiver vagar poría unha lista comentada.
De momento, unha selección bastante boa podedes atopala aquí:
poesia emblogada em língua portuguesa
Pero non vaiades pensar... Coma en todas partes, hai moito falabarato.

sábado, março 05, 2005

xeitos de pronunciar

Dúas citas latinas que copio do blog de tarabela:
«Beati Hispani quibus bibere e vivere idem est»
«Miseri Germani quibus Deus verus est Deus ferus»
Engado unha terceira:
«Miserrimi Planariaeci quia non reclamant panem et circenses sed palum et tripalium»

[P.P. (post post): Poño aquí o comentario d' O Santo dos Croques, especialista en apócrifos pero que ás veces non as pilla, e a miña resposta:
«Santo dos Croques said: Arcal, hoxe quedouche breve de máis. Podes acrecentarlle unhas liñas á terceira cita para atribuírlla a Paul Lafargue, o xenro de Marx, que no seu libro Le droit à la paresse (O dereito á preguiza) cualifica dese xeito ós galegos. Pero non casa ben coas outras dúas, que en realidade fan referencia á maneira de pronunciar, como dis no propio título.»
E a miña resposta:
«Arcal said: Santo, esa tamén fai referencia á maneira de pronunciar. Se os chairegos para dicir man, chan pronuncian mau, chau, para dicir pan dirán pau. Simple regra de tres. Dirasme que non é certo. ¿Estás seguro de que non hai na Terra Chá alguén que pronuncie así? A min dáme a impresión de que hai polo menos un ou dous en Vilalba que cando escoitan xente pedindo pan, eles pensan que pide pau»]

Loa e prez

Quen é o rei da pasarela?
Rouco Varela.
Quen nunca mete a pezuña?
O alcalde da Coruña.
E o rei do glamour e o charme?
Fraga Iribarne.

Que a santa Virxe do Carme
que ampara os barcos no mar
nos libre de toda praga
pondo os tres no seu lugar:
Paco Vázquez, Rouco e Fraga.

sexta-feira, março 04, 2005

Il fuoco amico e l'omicidio preventivo

O que pasou con Giuliana Sgrena e con Nicola Calipari fai lembrar unha vez máis o de Xosé Couso. Porca miseria!

Casualidades

Esta tarde lin no blog d'O Santo dos Croques unha anécdota de Cunqueiro e un párroco poeta chamado Daniel Pernas Nieto. Non ben acabara de lela, chegou Anne para levarme a un concerto de Mercedes Peón, que anda por aquí de xira. Eu pensaba que a Peón sería descoñecida nestas latitudes e que só asistirían os catro gatos galegos de sempre. Nada diso: cando chegamos xa non había entradas. En fin, que tivemos que renunciar ao concerto.
No camiño de volta topámonos cos Berenguer, unha parella de valencianos, vellos coñecidos de Anne, que nos convidaron a cear na súa casa. Mentres ceabamos diante da tele vimos aparecer na pantalla a propia Mercedes Peón, entrevistada por Charles Crawford, o especialista na música que aquí chaman étnica. A conversa discorría en inglés e en galego, cunha tal Marlene facendo de intérprete. Rematada a entrevista, eu comentei que aquela Marlene debía de ser de Ribadeo porque dixera "ontes" (por "onte") e traducira por “pícaros” o “kids” dunha pregunta de Crawford.
—Ou de Mondoñedo, coma Cunqueiro —engadín.
Entón o Vicent Berenguer dixo que me ía dar unha sorpresa. Foi á biblioteca, colleu un libriño e obsequioume con el. Un libro pequeno e azul que teño agora nas mans. Na capa: “Alvaro Cunqueiro. People from Here and Beyond”. A tradución é de Sheila Ingrisano, que non sei quen é. Publicouno Iberia en 1989 na colección “Libro de a bordo”. Unha colección destinada a repartirse nos voos pero que nunca se chegou a distribuír, segundo explicou Vicent, que é piloto, porque os seus colegas se opuxeron a cargar nos avións coas caixas dos libros, alegando que o peso era excesivo.
Chego á casa e dispóñome a ler a Cunqueiro en inglés (tamén tiña o Merlin and Company, pero regaleillo a un amigo). Abro o libro polas páxinas centrais (80-81, onde se ven os fíos da costura de encadernación) e sáltame á vista un nome: Daniel Pernas Nieto. Eu lembraba ben a historia de Louredo de Hostes, aquel que nunca soñara ata que comprou en Valencia uns anteollos para soñar, pero esquecera os pormenores. Agora vexo que o prólogo de que fala o Santo dos Croques non é o único texto onde Cunqueiro se burla do párroco poeta. Para que vexades cómo soa Xente de aquí e de acolá en inglés, transcribo o parágrafo final, cando explica que Louredo de Hostes morreu solteiro...
«... and left his eyeglasses to his nephews so that they could take turns dreaming. His nephews laughed at their uncle, and they let the parish priest of Baroncelle take the eyeglasses back to the rectory. God knows what the Reverend don Daniel Pernas Nieto dreamed of with help of the eyeglasses. What white-skinned Valencian women, what red wine, what feasts of trout, what parties, on those long cold winter nights when the bare birch branches are ashen with frost

quarta-feira, março 02, 2005

Lugares que case esquecín

Unha taberna nunha cidade Suíza. Sobre a porta unha madeira tallada e policromada cunha escena de músicos. Entre os músicos un acordeonista que ten talmente o rostro de Fraga Iribarne.
Outro relevo en madeira: un rótulo na Porta do Camiño: "Carnecería de Caballo". A mesma cabeza equina entre sabas e sangue nunha escena de The Goodfather. A Caballeria rusticana noutra.
Os anxos con anteollos da igrexa de Salomé. A ra de pedra de Salamanca. Unha clave de bóveda en Samos. O acróstico do rei Silo nunha ermida asturiana.
Un petroglifo cun labirinto na illa adriática de Osor. Ó lado unha pintada xa case ilexible que di: "máis chulo o de Mogor".
Os azulexos dunha fachada en Morella contando un milagre de S. Vicent Ferrer. O mesmo milagre, atribuído a San Pedro e Cristo peregrinos, contado pola tía Rosa na lareira hai mil anos.
O sorriso pillabán da figura do Pórtico da Gloria e o asombro dun nipón dicindo en francés que aquela cara era a de Marcel Pinú (Binou, Pinou, Pinoux?). Soño que chego ás portas do Ceo. San Pedro saca unha táboa de madeira labrada cuns músicos, sinala un acordeonista e pídeme que diga o seu nome. Recoñézoo de contado, pero sei que se digo "Fraga" non me deixa entrar. Digo "Marcel Pinú" e ábreme as portas.
Un bar na Florida, en Vigo, chamado "É bar isto". No bar un calendario coa pipa de Magritte.
Un muíño de papel en Basilea construído a finais do XV por dous ex colaboradores de Guttemberg. A arquitectura exterior, coas poldras no río, a quenlla de pedra e as fiestriñas altas, idéntica ó muíño de Represas en Cristimil. Nun cartaz informativo os nomes dos impresores: Antonius Gallicianus, Petrus Gallicianus.
Nun pazo ruinoso de Deza (a Casa Grande de Bendoiro?, o Pazo de Liñares?), unha fonte cun pequeno relevo labrado e unha lenda que di: BB & BT.
Unha caveira de pedra no cemiterio do Castro de Dozón cunha frase labrada que é un retrouso dunha canción de Siniestro Total.
Nunha rúa longa e estreita de São Paulo, un taller mecánico cun rótulo enorme composto de tres pezas verticais onde se le: Amor/tece/dores.

segunda-feira, fevereiro 28, 2005

Sétima arte

Cando eu era mosa estuven unha ves bailando nas festas de Palmeira cun tal Moncho da parte do Son. Era un conosido da miña prima Chelo que disque andaba no mar. Daquela estaba en terra, claro, por eso fora ás festas de Palmeira. Uns días despois seica se botou de cabesa na Praia das Furnas, parteu o pescoso e quedou paralítico. Cando mo dixo Chelo quedín de pedra, porque en Palmeira estuveramos moi acaramelados. Vaino visitar, vaino visitar, que tanto che prestaba o outro día, disíame Chelo. Pero a min dábame repelús e non me atrevín a visitalo. Logo conosín a Manolo, viñemos para a Suísa, pasou o tempo e xa non me volvín acordar. Hai tres ou catro anos, nas vacasións, Chelo volveume falar daquel tal Moncho para disirme que fixera un libro de poesías e mais que acabara matándose axudado por unha medio mosa que tiña. Eu case nin me lembraba del. E ajora resulta que foron e que fixeron unha película contando a historia daquel tal Moncho e que lle deron un óscar de jolibus á mellor película de todo o mundo. Para que vexas as voltas que dá a vida.

Mercadeando co patrimonio

Nunha área da parroquia de Camos, en Nigrán, e das veciñas de Priegue e Chandebrito, onde se conserva un importantísimo patrimonio arqueolóxico composto por mámoas, dolmens e outros restos megalíticos, ademais de cerca de cincuenta petroglifos, queren agora construír un campo de golf que vai arrasar con toda esa riqueza. Parécelles que iso é progreso: iso é cagarse na memoria de todos.

Sacáchesmo da lingua

Unha vaca nun prado...
how green was my valley
a choca tan bucólica
a fame dos ancestros
un lugar abeirado
o sentido común

quinta-feira, fevereiro 24, 2005

Cabalos veloces e círculos viciosos

Anargumento ornitolóxico
para demostrar a media verdade
dun mito.
(traducido do latín da Prima via de San Tomé o Equino)

Que non nos distraia a xentil andoriña
nin o sobresaltado coello de Hispania
que tamén fai o tobo nas fenteiras litorais
de lusitanos, galaicos e astures
azoutadas polo céfiro atlántico.
Alí onde as naves brigantinas aseguran
que case teredes unhas illas.
.
Por causa dos ventos non voan os cabalos,
mais voan as esporas nas fenteiras
coma paxaros,
por causa das esporas reprodúcense os fentos
coma coellos,
por causa dos fentos engordan os cabalos
coma cabalos
(e non polo ollo dos amos)
por causa dos cabalos fabrican os amos esporas,
por causa das esporas voan os cabalos.
Irrefutable!

quarta-feira, fevereiro 23, 2005

Asomando

Levamos moito tempo sen que chova unha pinga. Desde hai unha semana as temperaturas baixan de cero polas noites. Nos montes e no interior caeu a neve. As camelias que abriran estes días, enganadas pola raxeiras da mañá, acabaron queimadas coa xeada nocturna; os botóns que aínda non rebentaran non se atreven a facelo.
Dentro de todo, nosoutros aínda nos imos safando. No resto da península manda un frío que pela. A xente fala do cambio climático. Moitos que antes non tiñan idea do asunto explican nas conversas de taberna a súa opinión sobre o protocolo de Kioto.
No Líbano ponse a cousa fodida.
A unhas millas ao norte de Ribadeo naufragou un pesqueiro. Outra tráxica historia de afogados.
Tal día coma hoxe, hai dous anos, estabamos en Madrid berrando por causa do Prestige. Aínda dura a emoción. Ai, aquelas mareas humanas de resentidos que ladraban o seu rancor polas esquinas.